Anxo Rosendo Santiago (Moaña 2002) é o saxofonista e baixista de Lendas do Alén. Nado no seno dunha familia de músicos comeza a súa carreira musical aos catro anos, asistindo ás clases de música e movemento que organiza a Escola Municipal de Moaña. Con seis anos comeza a asistir a clases de saxofón e batería, centrándose no primeiro instrumento tras dous anos. No grupo pop organizado pola escola descubre un novo instrumento, o baixo eléctrico e queda cautivado polo seu son.
Con dez anos decide entrar no grupo The Dragon Wave, un grupo de rock creado por un dos seus compañeiros, para seguir aprendendo. Ao ano seguinte pasa a formar parte da banda de música popular de Moaña Airiños do Morrazo como saxofonista, na que continúa no presente participando en proxectos como a Airiños Jazz Band, tocando temas clásicos do jazz e da música moderna.
Anos máis tarde conforma o grupo Sachos e Fentos no instituto con outros tres amigos de clase, no cal interpretan covers de pop-rock dos 80-90s para amenizar os eventos no salón de actos, tendo bastante éxito entre alumnado e profesorado, chegando a tocar nalgún local como o Bar Daniel’s ou A Carriola en Moaña. Unha vez rematado bacharelato, o grupo disólvese e inicia os seus estudos en Administración de Sistemas Informáticos en Rede no IES de Rodeira.
No 2022 remata o grao profesional na especialidade de Saxofón no conservatorio de Cangas, en paralelo co ciclo de Administración de Sistemas, o cal lle permite obter un traballo como técnico de soporte nunha multinacional onde exerce a profesión durante dous anos. Acaba deixando o posto no verán de 2024 por aspiracións persoais e tras un período de reflexión decide visitar as Jams do Alén, e integrarse en Buxandaina, unha agrupación de folclore moderno dirixida por Ernesto Campos para seguir mellorando a súa técnica co baixo, pouco despóis uníndose tamén a Lendas do Alén. Con esto consigue expresar o seu estilo amalgamando o jazz, funk, pop, electrónico e clásico, priorizando o "groove" por riba de todo.
Actualmente é estudante de Sistemas Electrotécnicos e Automáticos no IES Frei Martín Sarmiento, motivado sempre por unha inmensa curiosidade e a súa insatisfacción co estilo de vida actual, buscando sempre experimentar cousas novas e aprender todo o posible sobre o universo e as forzas que o compoñen.